DOSSIER TEMA 5
Ola! Quero darvos a benvida ao apartado do dossier do meu blog; neste espazo compartirei o resultado final das tarefas realizadas na aula, explicarei o procedemento que se seguiu e reflexionarei sobre o seu desenvolvemento. Imos pois!
A primeira tarefa que se levou a cabo foi unha actividade en pirámide na que tivemos que reflexionar sobre varias preguntas formuladas polo profesor acerca dalgúns aspectos do currículo. Así pois, en primerio lugar, debatemos as respostas en pares, logo en grupos de catro, despois en grupos de oito e, finalmente, os dous grandes grupos que quedaron puxeron en común a información recollida co resto da clase e co profesor. Nesta mesma sesión, propúxose tamén un xogo a través da aplicación Kahoot! para realizar unha avaliación inicial dos coñecementos que tiñamos sobre a lexislación relativo ao currículo e os órganos involucrados nela.
Así, na seguinte clase (15/11), para afondar nesta temátca lexislativa, o profesor propuxo elaborar unha presentación e a súa conseguinte exposición sobre os diferentes apartados relevantes para as Linguas Estranxeiras do currículo da LOMCE . Como o currículo é moi extenso e non se podía abranguer todo o seu contido individualmente na aula, dividiuse a clase en grupos e repartíronse as seccións. Así, cada minigrupo tivo que consultar os documentos aportados polo docente para completar a información requirida mentres o profesor actuaba como guía na nosa aprendizaxe e aportaba un feedback en tempo real. Unha vez obtido o visto e prace, cada minigrupo tivo que elaborar unha presentación en soporte dixital para expoñer os contidos recadados, reflexionar sobre os elementos curriculares que se puxeron en práctica durante a actividade e realizar unha autoavaliación; ademais, cada minigrupo encargouse de levar a cabo unha coavaliación atendendo aos criterios recollidos na rúbrica das presentacións dada polo docente. A verdade é que foi unha actividade moi completa que me axudou a afianzar coñecementos previos, que me aportou variedade de ideas metodolóxicas para empregar na aula e que me fixo reflexionar sobre o meu propio proceso de aprendizaxe. O meu grupo en concreto, xa mentres elaborabamos os apartados e aínda máis cando nos autoavaliabamos, caemos na conta de que, por descoñecemento da extensión do material que estabamos a manipular, fixeramos un reparto pouco equitativo dos apartados e non nos organizamos todo o ben que deberiamos. É por este motivo polo que me pareceu moi interesante expoñer logo as presentacións grupais xa que tivemos a oportunidade de ver como o resto de grupos traballaron e o resultado do seu traballo nas mesmas condicións ca nós.
Igualmente, pareceume tamén moi curioso como o feito de non recibir indicacións moi específicas acerca da autoavaliación grupal presentou diversos puntos de vista. Deste xeito, uns grupos decidiron autoavaliarse do mesmo modo que ían a avaliar ao resto dos compañeiros, coa rúbrica; con todo, o meu grupo, por exemplo, autoavaliámonos atendendo a outros criterios máis xerais que consideramos oportunos. Foi por iso que pensamos que fixeramos mal a tarefa mais a realidade é que a pesar de ter outras indicacións máis específicas e tratar con información ríxida por ser lexislación, a tarefa daba cabida á orixinalidade, creatividade e variedade de percepcións, cousa que é de bo agrado.
Aquí deixo a presentación por se lle queredes botar un ollo coas correccións da coavaliación!
Para rematar, na clase do 22/11, a última do Tema 5, propúxose unha actividade parecida á exposta anteriormente mais esta consistía na elaboración conxunta dunha presentación mediante o traballo individual por diapositivas; é dicir, o docente proporcionounos unha presentación compartida na que había un número de diapositivas cun título que se repartiron de forma individual. Logo, despois de deseñar cada diapositiva, cadaquén expuxo a súa. A temática desta aula foi a lexislación relativa ás EOI, temática que o docente puido ampliar aportando experiencias persoais, o cal serviu de moito xa que non só temos a teoría de referencia, senón tamén a práctica.
En conclusión, considero que se presenta na aula unha metodoloxía rica que invita á reflexión e que realmente serve de axuda no noso proceso de aprendizaxe. Expóñense mediante a propia posta en práctica os diversos recursos e metodoloxías que están ao noso alcance como futuros docentes; non só aprendín o contido teórico que se pretendía ensinar, senón que tamén aprendín como e cando usar rúbricas, como integrar as TIC, o método de aprendizaxe colaborativa, os distintos tipos de avaliación, o papel do docente como guía para deixar que o alumnado sexa o protagonista na aprendizaxe, o tipo de actividades que se poden propoñer segundo a finalidade que vaian ter e a importancia de dar cabida sempre nas actividades propostas á creatividade e o pensamento crítico.
Comentarios
Publicar un comentario